«Moitas persoas teñen unha vida sexual superactiva con 80 anos»

Bea Costa
bea costa CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS · Exclusivo suscriptores

MONICA IRAGO

A matrona Lidia Lestegás ofrecerá este luns unha charla en Cambados: «Aos mozos fanlle falta referentes que lles falen de ti a ti, sen paternalismos»

04 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Lidia Lestegás Rodríguez é unha desas profesionais da saúde que leva o seu oficio máis alá da consulta. Esta focense de 29 anos exerce desde hai uns meses como matrona no centro de saúde de Cambados —a onde chegou logo de traballar cinco anos en Cataluña—, 52.000 persoas a seguen a través da Tribu Mamífera que creou en Instagram e este luns estará no auditorio municipal de A Xuventude (19 horas) para falar de sexo. E ten moito que dicir.

—Titula a charla «Falemos de Sexo», igual que o programa da doutora Elena Ochoa que revolucionou a televisión en España nos anos noventa. É casualidade ou faino con intención?

—Saíume así, non quería un título de «sexo seguro» nin nada polo estilo.

—Que 35 anos despois siga sendo necesario falar de sexo e boa ou mala noticia? non será por falta de información...

—Hai moita información, pero vivimos na era da mala información por un exceso de información. Esta charla esta aberta a todo o mundo, aínda que está enfocada, especialmente, ao público adolescente que ten unha das súas referencias á hora de informarse sobre sexualidae na pornografía. Máis alá de botarlle a culpa á pornografía, que me parece moi reducionista, o que necesitamos e contrarrestar a mala información. O que faltan son referentes que lles falen de ti a ti con normalidade do sexo e de sexualidade, sen paternalismos. Xa con Aristóteles se dicía que os mozos andaban perdidos, e non é verdade. A xuventude de hoxe ten unha educación sexual infinitamente mellor cá da miña xeración e non digamos cá dos meus pais. A monogamia xa non é habitual porque aumentou o número de parellas sexuais ao logo da vida, o cal non é negativo sempre que se faga con cabeciña e con sentido.

—Sen embargo está habendo un repunte de enfermidades de transmisión sexual...

—Non hai que confudir información con capacidade de tomar decisións correctas. Neste sentido, eu creo moito na cultura do cribado. Xa se está facendo no cancro de colon e o cancro de cérvix, pero non se están facendo cribados de ETS, e imos tarde. Incluso utilizando preservartivo e co sexo oral hai ETS que se poden contaxiar. Hai 20 ou 30 anos, có auxe da sida, a xente era máis conciente. Hai un exceso de confianza e estamos vendo as consecuencias, sobre todo coa clamidia.

—A charla vai dirixida a pesoas de 13 a 125 anos. Non é vostede un pouco optimista? Ata que anos practican sexo os españois?

—Evidemente, a sexualidade vai cambiando ao longo da vida e o primeiro que habería que facer é diferenciar entre sexo e sexualidade, e non reducirnos ao mete-saca. Se falamos do coito, a maior parte da xente diminúe a súa actividade sexual a partir dos 40 ou 50 anos, pero hai moitas persoas que teñen unha vida sexual superactiva a partir dos 80 por diferentes factores. E se falamos de masturbación e do contacto físico, a actividade sexual pode chegar a persoas de 90 e 100 anos sen problema.

—As matronas asócianse, sobre todo, á maternidade. É ese outro estereotipo que hai que combater?

—Si, e iso que as matronas somos as profesionais máis antigas do mundo, sempre houbo unha muller axudando a outras mulleres. Nós estamos en toda a vida sexual e reprodutiva das mulleres e máis alá, non só nos paridoiros. Desde aquí reivindico que non se forman suficientes matronas e iso supón que haxa pouca educación sexual.

—A que o atribúe?

—En España houbo un parón na formación nos anos 90 e non se recuperou.

—É unha profesión con futuro?

—Non hai paro.

—Tamén para os homes?, por certo, como hai que chamarlles?

—Pode chamárselles matrón ou matrono, pero eles adoitas referirse a si mesmos como matronas. Unha de cada dez matronas son homes, aí temos a Cristian Martín de Lugo, que é un referente na comunidade de matronas de Galicia, e hai moitos outros. A matrona é unha figura bastante ligada ao empoderamento feminino porque eran independentes e gañaban os seus cartiños cos seus coñecementos médicos, por iso fomos amplamente perseguidas. Hai un libro, Brujas enfermeras e parteras, que fala diso.

—E vostede por que decidiu ser matrona?

—Vin un documental sobre nacementos e dinme conta de que era un tema que me apaixonaba. Tiven como unha revelación así que metinme en Enfermería para ser matrona. É unha profesión que se mete dentro da pel, na que sempre estás aprendendo e pelexando.

—Vostede desde logo é moi activa, tamén en redes sociais. Considérase unha influencer?

—Esa palabra está moi viciada, pero non teño problema se influenciando influencio á xente a ter relacións sexuais más sas e a empoderarse en relación co parto. Inflúo en Instagram e, sobre todo, na consulta, na docencia e dando charlas. Influenciar é aportar á sociedade.

—No seu caso con bos resultados non?

—Instagram abriume moitas portas, é unha ventá para mostrarme desde hai oito anos.

—As redes son útiles, pero fan correa de transmisión, tamén, dos medias verdades...

— Non é un problema das redes, é un problema do uso das redes. O problema de internet e que evolucionou máis rápido que o cerebro humano e temos que ter máis educación para aprender que lle damos de comer ao noso cerebro, sobre todo na utilización de TikTok.

—Seica a súa chegada a Cambados foi precipitada. Veu para quedarse?

—Teño unha interinidade e a miña vida está ligada a Galicia, aínda que teño que dicir en Cataluña fun moi ben tratada.